Friday 03 de May de 2024

A Xunta aposta polo fomento do turismo de calidade e sostible vencellado ao Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, interviu no acto en Fitur sobre a marca Mar de Santiago por parte dos concellos de Vilanova de Arousa, Catoira, Pontecesures e Valga, que a Xunta apoia debido á súa oferta diferenciada e como modelo de turismo tranquilo e seguro

Tamén participou na presentación do vídeo “A chamada do Camiño Inglés” protagonizado polo triatleta Javier Gómez Noya, e destacou o compromiso na promoción das rutas xacobeas

A Xunta aposta por un turismo sostible e de calidade vencellado ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo, como asegurou hoxe Alfonso Rueda en varios actos que acolleu o expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, nos que incidiu na oferta diferenciada e a fortaleza de Galicia como destino seguro.

Por unha parte, interviu no acto organizado no stand de Galicia en Fitur polos concellos de Vilanova de Arousa, Pontecesures, Catoira e Valga para dar a coñecer a marca Mar de Santiago que promoven. O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que a Xunta asinou con estes municipios un convenio de colaboración, dotado de 120.000 euros, para desenvolver o proxecto Mar de Santiago, co obxectivo de elaborar un plan de activación turística e márketing dixital e a creación dun selo de calidade que se identifique co itinerario vencellado á chegada dos restos do apóstolo a Galicia; é dicir, coa Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla.

Así, destacou que se trata dun itinerario con moito potencial e que a marca Mar de Santiago aposta por un modelo de turismo tranquilo, polo que contribuirá a atraer un perfil de visitante que demanda na actualidade o que ofrece Galicia como destino seguro e de calidade. O Plan de activación desta iniciativa permitirá o desenvolvemento de estratexias de produto que distingan o Camiño de Santiago, a oferta gastronómica, a paisaxe, o turismo rural ou o relixioso, ademais de elaborar un documento para afianzar a marca como destino competitivo con gran valor estratéxico na economía galega.

Alfonso Rueda tamén participou na presentación do vídeo A chamada do Camiño Inglés protagonizado polo triatleta Javier Gómez Noya e promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, onde sinalou o compromiso da Xunta no fomenta deste trazado e dos outros 9 itinerarios oficiais do Camiño de Santiago. No caso do Camiño Inglés, destacou que se trata da quinta ruta máis transitada con máis de 15.000 peregrinos en 2019 e na que o Goberno galego investiu máis de 2 millóns de euros en melloras de conservación e mantemento para ter todo listo para recibir aos peregrinos neste Xacobeo 21-22.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou o que o obxectivo da Xunta é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro. Coa posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, o obxectivo é que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus, busca tamén a recuperación do sector turístico e súa posta en marcha é tamén unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.